30 anos de Andaina

Programa: 
A biblioteca infinda

Pedímoslle a Nanina Santos Castroviejo (A Notaria, Padrende, Ourense 1951) que seleccionara algúns dos lemas do movemento feminista galego para falarmos da súa historia e do contexto en que se desenvolveu. Frases con chispa e moito miolo como “Manolo, a cea a fas tí solo” remítennos, por exemplo, ás protestas nos estaleiros ferroláns pola reconversión industrial de mediados dos oitenta e á alarma que cundía entre os traballadores varóns cando volvían á casa despois dunha xornada de loita e atopaban a cociña sen lume; as súas mulleres tamén participaran nas manifestacións da rúa e non os atendían tal e como estaban afeitos.

Ás veces os lemas feministas chegaron a facerse realidade e hoxe parécenos impensábel que unha muller puidese ir ao cárcere por un delicto de adulterio, como Nanina nos  lembra que aconteceu en 1976, aquí en Galicia, non en calquera lugar remoto de costumes atávicos. Porque trinta e cinco anos de feminismo non son tantos... pero son moitos.