Antón Reixa, un artista máis aló d´Os Resentidos

Programa: 
Músicas e Letras

Neste traballo sui generis Julián pon a música e Antón encárgase das letras. A obra ábrese con “Time of shaving”. Outro dos cortes surrealistas do traballo é “Cameselle Emigrante (Aria de Cameselle)”.

A opereta estreouse ao vivo o 13 de agosto do 86 no Paraninfo da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Santander, pero a súa posta en escena máis ambiciosa tivo lugar, un mes máis tarde, o 20 de setembro en Madrid, nos actos de irmandade entre as Movidas de Madrid e Vigo, “Madrid se escribe con V de Vigo” (lema acuñado por Xosé Manuel Pereiro).

A opereta cociñada man a man por Julián Hernández e Antón Reixa contén arias, prantos, blues e diálogos como “O play back”, que pecha o disco.

Tras a fin d´Os Resentidos en 1993 a vía de escape creativa para Antón Reixa chega con Nación Reixa, un proxecto de intervención musical, como eles o definen, tramado polo euscaldún Kaki Arkarazo e o de Nigrán.

Kaki Arkarazo, músico en Kortatu ou Negu Gorriak e Reixa editan, da man de DRO o seu primeiro traballo en 1994, Alivio rápido. Póñense á venda dúas versións do disco, unha castelán e outra en galego. O disco é toda unha cocteleira de rock, funk e acid-jazz na que se mesturan á perfección as rimas incisivas de Reixa e as bases electrónicas de Arkarazo. Outra das mostras de Alivio Rápido é “Cómete a un rico”. O disco péchase con “Encontro con Sarri en Nación Reixa” unha chiscadela ao tema “Sarri, Sarri” da anterior banda de Kaki Arkarazo, Kortatu.

Un ano despois da edición de Alivio Rápido, en 1995, Nación Reixa aporta dous temas ao compilatorio A cantar con Xabarín Vol.1 e 2: “A vida dentro dun pin” e “A vida no fuciño”.

En 1997 abandonan DRO e fichan por Esan Ozenki-Gora Herriak, discográfica creada polos membro de Negu Gorriak e coa que Nación Reixa editan o seu segundo longa duración Safari Mental. Coa mesma fórmula que no traballo anterior: as bases rock, funk e acid jazz de Arkarazo e o rapeo de Antón, aos que se lles suma o batería Mikel Abrego, Nación Reixa gañan en intensidade.

Ademais da incorporación de Mikel á batería, Nación Reixa conta coas colaboracións de Drake, Javi P3Z, Izaskun Forzada, Mikel Cazalis ou Mikel Azpiroz. Entre os dezaseis temas atopamos dúas revisións a primeira a do “Denok gara Malcolm X” –“Todos somos Malcolm X”- escrita por Reixa para Negu Gorriak . A segunda é a do “Psycho killer” de Talking Heads. Ademais destas dúas versións musicais, Reixa adapta uns versos de Lois Pereiro en “Furia”.

Tras estes dous traballos, Nación Reixa morre, pero non o tándem galego euscaldún, xa que en 1999 Reixa lanza un novo disco en solitario Escarnio no que pon as bases Kaki Arkarazo. Humor satírico, delirio e moito surrealismo en 10 composicións entre as que está “Aerobic torpeza”.

Tras case vinte anos compoñendo, musicando e rapeando, Reixa deixa a un lado a súa faceta musical para dedicarse ás performances teatrais, o cine, a poesía ou a televisión.