Anxo Fariña recorre á busca dun mesmo para atopar a Atlántida

Programa: 
Músicas e Letras

Segundo comentou Anxo Fariña en Radiofusión, a historia ocorréuselle un día que se atopaba nas Illas Cíes. Despois, tirou dos textos de Platón sobre a Atlántida e da súa propia imaxinación.

Historia

A-cero nace do “Proxecto Prometeo”, unha iniciativa científica que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas Illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

A obra será publicada por Xerais entre outubro e novembro, despois de que o propio Anxo Fariña realice as ilustracións.