Balbino, o Harry Potter da cultura galega

Programa: 
Músicas e Letras

A Biblioteca Ánxel Casal homenaxea de novo a un autor da nosa literatura. Neste caso tócalle a Xosé Neira Vilas, quen con motivo do cincuenta aniversario da súa obra máis lida, "Memorias dun neno labrego", presenta a exposición "Querido Balbino", un percorrido pola súa vida e a súa obra. 

 

Na inauguración estiveron presentes distintos persoeiros do mundo da cultura galega, como Víctor Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia, quen tras declararse admirador do homenaxeado Neira Vilas, resaltou a importancia desta obra como nexo entre as distintas xeracións, algo que non toda a literatura galega é quen de conseguir.

Tamén estivo presente no acto un dos comisarios da exposición, Valentín García, quen falou de "Memorias dun neno labrego" como un clásico da nosa historia que xa leva vendidos máis de 600.000 exemplares, e que permite que nenos e nenas de hoxe coñezan e revivan valores de hai tempo.Como non podía ser doutro xeito, o propio homenaxeado, o autor Xosé Neira Vilas, quixo ter unhas palabras nas que ademais de agradecemento quixo manifestar a importancia da figura que dá nombre á biblioteca, Ánxel Casal, lembrando a súa traxectoria e facendo fincapé na enorme riqueza que supón a cultura e a lingua galega.

Por último, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, aproveitou a ocasión para resaltar a figura do homenaxeado, definíndoo como un clásico que foi quen de crear ao Balbino, segundo él o "Harry Potter da cultura galega", e facendo unha invitación para que a xente non deixe de ler esta xoia da nosa literatura.