Baldosa Amarilla edita “Alquimia”, un EP con ambición de directo

Programa: 
Músicas e Letras

Baldosa Amarilla son Frus (voz), José Núñez (guitarra), Iago Bastos (guitarra), Gatsby (guitarra e coros), Álex Crende (baixo e coros) e Moses (batería). Tras subirse por primeira vez a un escenario como Baldosa Amarilla no festival universitario Leonardo DaVinci en 2006, segue un ano de festivais que pecha cun bo puñado de versións e cancións propias con boa aceptación entre o público.

Ao longo do seguinte ano continúan facendo directos, comezan a definir un son propio, e apostan polo pop rock alternativo en castelán. Ese ano editan "Palabra Exacta", unha gravación de escasa produción que alcanzou 30.000 visitas de MySpace nun só ano.

A comezos de 2008 gravan o seu primeiro videoclip "Laberinto", producido por Cucoclock Creaciones, que foi presentado en numerosos festivais tales como o Festival de Cans ou o Brincadeira 08. Durante este ano, acomódanse na escena local con concertos repartidos por toda a comunidade e o norte de Portugal, participando no concurso 100 Pipers Music, no cal chegaron á final. Este ano culmina cun nomeamento a “mellor maqueta” de 2008 nos premios Maketón Estrella Galicia.

Agora editan “Alquimia”, un EP que se pode adquirir nos seus concertos, así como escoitalo na súa páxina web. Seis temas cos que buscan abrirse a un público maior.