Cé Orquestra Pantasma ameniza as Festas do San Cibrao do Carballiño

Programa: 
Músicas e Letras

Cé Orquestra Pantasma é un proxecto musical aberto cheo de posibilidades, xa que anos de experiencia, tanto coma intérprete, compositor e director musical en bandas de distinta índolo e coma mestre de música, permitíronlle acadar unha gran versatilidade e coñecemento do mundo musical.

As súas actuacións convértense nunha gran festa onde a implicación e participación do público é unha das cousas máis importantes.

César Freiría comezou a súa andaina musical con nove anos como alumno do mestre “Moxenas”dentro do campo da música tradicional e con el aprendeu a tocar a gaita e percusións galegas. Pouco a pouco foi interesándose por máis instrumentos. Algúns aprendeu a tocalos de xeito autodidacta e outros con mestres diversos. Pasaron polas súas mans o clarinete, o baixo, o violín, gran variedade de instrumentos de percusión, acordeón diatónico e cromático sistema piano, guitarra, mandolina, harmónica...

A súa curiosidade foi ampliándose cando lle propuxeron inventar algún instrumento para chegar a tocar en solitario como home orquestra: o batepés, o kalímba baixo e a guitarra de acordes fixos foron os instrumentos inventados naquel momento.

Despois de pasar por diferentes grupos dentro da música tradicional como A Roda, Aradouro, Grupos de gaitas, rondallas de Nadal.... grupos de punk como Oxtiax Ke Te Pariu..., decidiu armarse en solitario como home orquestra. Unha chea de horas investidas deron como resultado a Cé Orquestra Pantasma, unha banda versátil e con aire festivo que xurdiu oficialmente a comezos do verán de 2008.

Despois destas actuacións no Carballiño pasará este sábado, 19 de setembro, polo Festival Reperkusión de Allariz e o martes 22 polas Festas de Lalín. Xa o 26 andará polo Porriño.