Carlos Callón chama a manifestarse ante a “involución cultural inédita na historia da autonomía”

Programa: 
Músicas e Letras

O “decretazo” será o asunto central sobre o que xirarán a maior parte das reivindicacións da manifestación do 17 de maio. Non obstante, Carlos Callón asegurou en Radiofusión que tamén terán cabida as últimas e polémicas medidas da Xunta en materia de política lingüística como o anuncio da retirada da cota que especificaba o número de obras en galego que debían adquirir as bibliotecas escolares ou que as campañas publicitarias institucionais se volvan realizar, despois de moitos anos, en castelán.

O lema da mobilización, “O galego, o noso existir”, vai acompañado tamén dunha parte gráfica que xoga con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón. A primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua e Feijóo non cre nelas porque ten os seus ollos postos no ascenso político que o leve a Madrid”, afirma Callón.

A manifestación do próximo 17 de maio partirá ás doce do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, que Queremos Galego confía en ateigar de novo, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro. Como en ocasións anteriores, a plataforma ofrece servizo de autobuses a todos aqueles que queiran acudir á mobilización dese calquera punto de Galicia. As rutas e horarios pódense consultar na páxina web queremosgalego.org.