A Coruña inaugura os actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir

Programa: 
Músicas e Letras

O Día da Galiza Mártir é especialmente importante na provincia de Pontevedra, sobre todo na Caeira, en Poio. Este foi o lugar onde foi asasinado Bóveda o 17 de agosto de 1936 a mans dos franquistas. Por iso, converteuse en símbolo de todos os galegos que caeron vítimas da represión. Foi ademais un importante economista na súa época, o encargado de elaborar a parte económica do Estatuto de Autonomía e a man dereita de Castelao no Partido Galeguista, segundo comentou en Radiofusión Roberto Catoira.

A Caeira será escenario no mediodía de mañá martes doutro acto en homenaxe a Alexandre Bóveda, organizado pola Fundación que leva o seu nome. Terán lugar tamén diferentes intervencións institucionais e un xantar posterior no que se honrará a figura dos represaliados que aínda viven como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo e Xaime Isla Couto.

Tamén se celebrarán actos pola tarde no Cemiterio de San Amaro, onde está enterrado Bóveda.

O Concello Coruñés de Oleiros súmase tamén, un ano máis, ás celebracións do Día da Galiza Mártir. Por iso, a partir das oito da tarde de mañá terá lugar unha ofrenda floral cunha interpretación musical e coas intervencións de Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e Xosé Manuel Eirín, vicepresidente da Asociación Cultural Vieiros, que falarán sobre a importancia desta data, da figura de Alexandre Bóveda e da restauración da memoria histórica. O acto contará tamén coa presenza da actriz galega Isabel Risco e finalizará coa interpretación musical do Himno Galego. Este ano cúmprense 14 anos desde que se comezou a organizar por parte do BNG de Oleiros esta homenaxe na Praza da Liberdade de Nós.

Roberto Catoira, presidente da A.C. Alexandre Bóveda, fala do Día da Galiza Mártir