Emilio Rúa presentará “Interior” no Concerto pola Lingua

Programa: 
Músicas e Letras

Interior contén 11 temas, seis compostos polo propio Rúa. Inclúe adaptacións do poema “Lela” de Castelao e da “Cantiga da amiga” de Manuel Rivas. Tamén revisa un tema de Chico César, “Á primeira vista” e “Todo está por vir” de Magín Blanco. A maiores, Uxía e Sergio Tannus compuxéronlle a canción “100%”.

Este terceiro disco é o álbum máis pop de Rúa e nel lembra a súa terra natal, a Galicia interior e esquecida; ademais de desmontar con humor tópicos no tema “Non sempre chove en Santiago”.

Aínda que Interior inclúe 11 cortes, nun primeiro momento a intención era que fosen unha ducia. Quedou fóra unha versión de The Beatles titulada “Ticket para viaxar” na que cantou xunto ao ourensán o lucense Luís Tosar.

Emilio Rúa quere pisar sen présa os escenarios. Xa pasou por diversas cidades galegas como Santiago ou Vigo. Este sábado fai parada no Concerto pola Lingua en Lugo e ofrecerá aos asistentes “un directo fiel ao disco”, como el mesmo asegura, en formación de trío.