Faktoría K publica en galego as claves do Movemento 15-M

Programa: 
Músicas e Letras

Taibo, escritor e profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid, foi un dos oradores trala manifestación do 15 de maio na Puerta del Sol. Este libro recolle a súa intervención trala marcha, na que alerta do funcionamento das institucións “á marxe do ruído molesto da poboación”, reprende a política financeira do Goberno, advirte da precariedade nos colectivos máis desfavorecidos, do desequilibrio ambiental, e das condicións de vida desfavorables nos países do Sur.

Pola súa parte, o profesor de Socioloxía na Universidade Autónoma de Barcelona, Josep María Antentas, e a activista Esther Vivas, pertencente ao Centre d’Estudis sobre Moviments Socials da Universidade Pompeu Fabra, consideran que a mobilización do 15-M espalla “un poderoso antídoto para o medo que ameaza con desmontar os esquemas a unha elite dirixente á fronte dun sistema cada vez máis deslexitimado”. O filósofo Antoni Domènech aposta por manter un movemento que “responde a necesidades tan vivas e tan fondas da nosa sociedade que, dificilmente, pasará”.

O xornalista Iván Giménez analiza os conceptos de ciberactivismo e Open Government ou Democracia 2.0, que define como “unha filosofía sobre a aplicación das Novas Tecnoloxías á xestión de goberno e a incentivar a participación cidadá nos procesos democráticos e na relación coas administracións”. E o profesor de Ciencia Política na Universidade Complutense Juan Carlos Monedero evoca no seu artigo a Comuna de París de 1871, trazando un certo paralelismo co Movemento 15-M que reclama “igualdade e participación”.

Outros documentos que complementan o libro son o manifesto e as propostas do Movemento 15-M Democracia Real Xa, un comunicado de “apoio inequívoco” elaborado polas comunidades cristiás populares do Estado español, e o chamado “Manifesto feminista de Sol”.