Francisco Jorquera: “Queren socializar as perdas do sector privado para que paguemos todos”

Programa: 
Músicas e Letras

O portavoz dos nacionalistas galegos nas Cortes celebrou o lema que encabezou a manifestación do Día da Patria, “Fai valer a túa forza”. É dobre apelación, explicou: aos cidadáns “para que loiten” e fagan ver que outras políticas son posibles, e aos gobernos “para que non nos impoñan saídas falsas á crise”. “As receitas económicas as impoñen os sectores que crearon o problema”, láiase Jorquera, e asegura que “vivimos unha crise democrática” polo sometemento dos gobernos ao capital e ás doutrinas neoliberais.

No que respecta á actualidade máis recente no Congreso, Francisco Jorquera, aproveitou os micrófonos de Radiofusiòn no Festigal para atacar a reforma da Lorca, da que dixo que persegue a “bancarización das caixas”. Queixouse de que o presidente español José Luis Rodríguez Zapatero parta do prexuízo de que a banca pública é deficitaria. “Argentaria demostrou o contrario e foi privatizada”, lembra. Asemade, amosou a súa desconfianza verbo do cumprimento dos prazos para a chegada do AVE a Galicia en 2015. Jorquera agoira que “se concentrarán moitos esforzos en evitar que esa data sufra retrasos, porque tería un custo político extraordinario en Galicia, pero a costa doutros investimentos importantes”. Salientou o paradoxo de que, chegado o momento, Galicia contará cun tren futurista para unha parte moi restrinxida da poboación e “contará cunha rede ferroviaria interna de principios do século XX”.