Galicia e Cabo Verde reforzan a colaboración en materia de turismo

Programa: 
Sonsdenós

O conselleiro de Presidencia Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión con dúas representantes  do Goberno caboverdiano, na que definiron as bases para o establecemento dun acordo marco de colaboración entre Galicia e Cabo Verde.

“Cabo Verde é un país estratéxico”, destacou ao termo da reunión o conselleiro, que se referiu á importancia de establecer lazos e vínculos con Cabo Verde que interesan especialmente a Galicia e que recordou que a colaboración con este país se centra en ámbitos tan destacados como a pesca, o turismo e o medio ambiente.  

Esta visita prodúcese como continuación da viaxe institucional que director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, realizou ao país caboverdiano no pasado mes decembro, e na que se acordou establecer unha colaboración no ámbito da formación turística, por tratarse este dun sector con gran potencialidade para o desenvolvemento do arquipélago. Esta colaboración enmárcase no Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, que inclúe Cabo Verde como país prioritario para a citada cooperación.

A delegación do goberno de Cabo Verde está a realizar unha visita institucional a Galicia de tres días co fin de analizar as posibilidades de cooperación que a Xunta de Galicia lles ofrece no ámbito da formación turística, para a posta en marcha da Escola Superior de Hostalería e Turismo no seu país.

Así, despois do encontro co conselleiro, teñen previsto visitar o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, centro de formación de referencia en dita materia a nivel internacional, co obxectivo de avanzar na elaboración do plan de estudos da Escola Superior de Hostalería e Turismo caboverdiano, proxecto cuxas instalacións están a punto de rematar e que na próxima primavera prevé abrir as súas portas na cidade de Praia.

Delegación caboverdiana

A axenda das representantes caboverdianas en Santiago completarase cunha visita ao Instituto de Formación Profesional Lamas de Abade. Ademais, xa durante o día de onte, visitaron o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) na Illa de Santa Cruz, en Oleiros, e a Aula do Mar de Mera. Mañá teñen previsto visitar  a Escola Universitaria de Turismo da Universidade da Coruña, o Aquarium Finisterrae e a Domus.

Na reunión estiveron presentes a coordinadora nacional do proxecto Escola Superior de Hostalería e Turismo, María de Fátima dos Santos Gomes  Timas, a representante do Ministerio de Turismo, Industria e Enerxía, Nádia Vanine Monteiro Firmino Delgao, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero.