Galicia e Portugal inventan un novo licor con borras do café

Programa: 
Sonsdenós

A Universidade do Minho e a Misión Biolóxica de Galicia, centro pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) son os responsables da creación dun novo destilado a partir das borras do café que foi xa catado e valorado positivamente polo Panel de Catadores do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

A Dra. Mar Vilanova da Torre, investigadora do CSIC, foi a científica española que participou neste traballo e, como membro do Panel de Cata, foi a encargada de dar a coñecer este novo destilado, que foi destacado pola prestixiosa revista norteamericana Time entre os 25 mellores inventos de 2013. O desenvolvemento desta nova bebida tamén foi publicada na Revista LWT FoodScience and Technology, sendo o segundo artigo máis popular do últimos tres meses desta revista. Neste artigo desenvólvese a metodoloxía de produción desta nova bebida así como a súa caracterización aromática e perfil sensorial.

A Dra. Vilanova explica, que a partir de borras café e mediante un proceso hidrotermal, extráese todo o aroma do café que será fermentado mediante adición de azucre e posteriormente destilado para obter esta nova bebida de 40 graos de alcol con sabor e aroma a café e practicamente libre de cafeína, xa que a cafeína desaparece na destilación.

A caracterización aromática desta nova bebida foi dirixida pola Dra. Vilanova, especialista en aromas de viños e destilados, e realizada polo Panel de Catadores do Consello Regulador de Bagazo de Galicia, que a cualificaron de alta calidade e cun perfil aromático moi peculiar. A produción é bastante simple e barata e consegue aproveitar un resíduo da industria agroalimentaria, contribuíndo así á sostenibildade neste sector.