Heredeiros da Crus, os grandes exportadores do rock bravú

Programa: 
Músicas e Letras

En 1993 comezan os directos de Heredeiros da Crus e un ano máis tarde entran no estudio para gravar o seu primeiro disco, A Cuadrilla de Pepa a Loba, no que homenaxean no seu título á lendaria bandoleira galega. O traballo ábrese con “Quero Josar” e tamén inclúe “De Jesusiño fixeron un Cristo”.

Parece que hai un camiño inseparable entre o bravú e o Xabarín Club e os Heredeiros da Crus non foron alleos a esta sociedade. Así, en 1995 gravan dous temas para o primeiro compilatorio A Cantar con Xabarín, “O porquiño” e o mítico “Pero que jallo é!”. Sen dúbida, este último supuxo o salto á fama da banda.
Ese mesmo ano, no 95, Beni deixa as baquetas e senta á batería Pepe Santamaría. Ademais, Heredeiros da Crus mudan de manager, fichan por BOA e editan coa produción do Siniestro Total Segundo Grandío o seu segundo traballo, Está que te cajas. 15 cortes de rock acelerado cunhas pingas de folk. Unha destas pílulas é “Frenaso no calsonsillo” no que contan coa colaboración dun Rosendo que toma como propio o seseo e a gheada; ou “O teu fillo fuma porro”. Grazas a hits coma este Tonhito de Poi e compañía percorren os escenarios de toda a Península.

En 1996 volven colaborar co porco bravo incluíndo no compilatorio 3-4 de A cantar con Xabarín “Íscalle Lura”. O seu seguinte traballo foi Criatura un Ep con catro novas composicións. Ese mesmo ano 1997, un dos máis prolíficos, participan no disco pro asturiano L'Asturianu Muévese con “Frenazu nel calzonciellu” e sacan á rúa o seu terceiro longa duración Des minutos. Neste traballo o nivel baixa, pero seguen a facernos rir con temas como “Vaiche Boa”, versión do “My sharona” de The Knack ou “Cansado”.

Dous anos despois, en 1999, Marcos Otero substitúe a Pepe Santamaría na batería, editan Erecsiones Munisipales e volven ao máis alto. O disco conta en 16 cortes a historia de Virgilio Mendes, personaxe ficticio que se presenta como candidato á alcaldía. Noutro dos cortes do álbum Mendes confesa: “Borracho son Pelijroso”.

Heredeiros da Crus conseguen neste final dos noventa un gran nivel de vendas, e actúan en directo en Londres e Nova York.

No ano 2000 como toda gran banda que se prece editan un dobre CD en directo. No traballo, gravado na festa da Dorna de Ribeira e e producido novamente por Segundo Grandío, despregan contundencia, enerxía, diversión e moito rock and roll. Nese directo que se editou baixo o título, All Right Chicago (Rock ‘n’ Roll) os Heredeiros percorren o mellor da súa carreira en 26 temas.

Xa no traballo Des minutos amosaron o seu gusto polas versións e en 2001 gravan Recambios Tucho, 14 cansiones recauchutadas, un CD non editado debido a problemas para conseguir os dereitos de autor no que os Heredeiros reformulan temas de David Bowie, os Rolling Stones, os Kinks, Led Zeppelin, Héroes del Silencio e ata Pimpinela.

En 2004 sae á rúa o seu último traballo Chicarrón, un CD con once temas e un DVD con fotografías que repasan a súa historia. O seu son suavízase, pero o cachondeo segue como máxima, así inclúen cortes coma “Os sinco latinos no aire”, “Mari-juana”, “J. Bar-dem (stones-show)” na que contan a historia de cando Tucho, no directo dos Rolling Stones en Compostela, atopa a Javier Bardem, pídelle un autógrafo e el contéstalle: “Non firmo autógrafos a ninguén, tronco”.

O disco Chicarrón e a carreira de Heredeiros péchase con “Radio Cotilla”. Así, en 2005 a banda ponlle fin á súa traxectoria de éxito. Non obstante, das cinzas de Heredeiros naceron da man de Tonhito de Poi, A banda de Poi e Tonhito de Poi e Rasa loba, e da man de Javi Maneiro, Jabón Blue.