A historia do bandoleiro galego máis célebre do s.XX preséntase en cómic

Programa: 
Músicas e Letras

O fillo da furia é unha historia biográfica que conta como Mamed Casanova sendo moi novo xa perpetraba delitos menores que o conduciron a dous reformatorios. Estreou a súa adolescencia
desenterrando o cadáver dun indiano para quedar coa súa roupa. Fixo que un xastre lla axeitara e paseouse vestido co traxe do morto polas festas. Non obstante, o seu golpe máis espectacular foi participar no asalto á casa reitoral do seu pobo natal. No atraco mataron á criada do cura e os outros ladróns botáronlle as culpas por ser menor de idade. A partir de entón converteuse nun fuxitivo, e pasou á historia por opoñerse aos caciques, indianos, curas e á Garda Civil; que eran os que mandaban a finais do XIX e comezos do XX.

A idea de recuperar a figura de Casanova roldáballe a cabeza a Manolo Poy desde hai 20 anos, cando nun xornal no que traballaba lle encargaron realizar unha reportaxe sobre bandoleiros que, segundo afirmou en Radiofusión, nunca chegou a rematar. Hai un par de nos coñeceu a Miguel Fernández e foi entón cando lle propuxo trasladar esta historia á banda deseñada.

O fillo da furia é o resultado dunha ardua tarefa de documentación, tanto por parte do guionista como do ilustrador. Poy centrouse en atopar datos fidedignos, de feitos concretos, para fiar a vida de Mamed Casanova e non deixarse levar polas moitas lendas que o rodeaban. Miguel baseouse tamén nas escasas imaxes que puido atopar del, aínda que optou por darlle un aspecto próximo á idea que del tiña na súa cabeza. Ambos tamén se meteron de cheo no mundo dos bandoleiros e a súa gran fonte de información, segundo confesou Miguel, foi o cine negro.

O fillo da furia presentouse onte na FNAC da Coruña. O vindeiro 17 de setembro os propios autores darán a coñecer a obra en Alita Cómics (A Coruña). Xa en outubro, o día 1, na libraría Metrópolis de Ferrol, o 15 nas Xornadas de BD de Ourense e o 22 na tenda Kómic de Santiago. Ademais de falar do libro e asinar exemplares, tamén se dará a coñecer o tráiler da publicación.