"Jaque al Real Madrid" (Telecinco, 00.00 h.)

Programa: 
Televisión

 O ‘pope’ do xornalismo deportivo estatal, Santiago Segurola, sostén que o nome do equipo que sería un soño para calquera anunciante de deterxente é a marca máis famosa que saíu de España cara o mundo. Estando por aí o Chupa-chups, eu discutiríalle ese mérito, pero é certo que como institución deportiva planetaria, o gran merengue de Chamartín non ten rival. A medida da súa magnitude concédena tanto o amor que moitos lle profesan, como o odio, que se cadra aínda é maior. O malo do negocio para os brancos é que parte deses amores son interesados e, os menos sinceros dos seus amantes resultaron ser os propios dirixentes.

Houbo sempre o mito casposo de que os grandes negocios que se facían no Estado resolvíanse no palco do Bernabéu, entre fume “farias” e bandullos de millonarios ben mantidos que aínda se emocionan como cando eran nenos vendo un gol ben tirado. Agora ese palco semella un niño de víboras, poboado de trapalleiros con pouco ollo para a empresa pero si para lucrarse rapidamente. Como hai morbo arredor de todos os intereses espúreos da clase dirixente merengue, Telecinco cheirou a oportunidade e programa unha edición especial de “La Noria” para falar dos goles que encaixa a institución e que non para nin Casillas. Con todo, a gran traxedia do Real Madrid é que minutos antes, o Barcelona, o mellor equipo do mundo na actualidade, tamén sairá na tele, pero será para xogar un partido de fútbol da Copa do Rei e admirar á audiencia ávida de bo xogo. “Jaque al Real Madrid”, a edición especial de “La Noria” pásase á medianoite en Telecinco.