Loitará polo campionato de España de rallyes de terra para vehículos históricos

Programa: 
A Bancada

Un novo reto é o que se puxo Édgar Vigo de cara á tempada 2017. Tras a obtención do Campionato de España de grupo N en asfalto en 2015 e o Subcampeonato de España de grupo N en terra en 2016 (ano do seu debut nesa superficie), o piloto da escuadra Scratch Fene fixouse como meta a obtención do título estatal de vehículos históricos en terra. O vehículo seleccionado para tal desafío será o Volkswagen Golf GTI que na pasada tempada obtivo o título e para o cal, os de Fene, contarán co apoio tanto mecánico como de asistencia en competición do equipo granadino Plemar Sport, tamén campión en 2016.  

O obxectivo para esta tempada é a obtención do campionato, tendo en conta que a montura a empregar a pesar de non ser a máis rápida, sí é dunha mecánica robusta e de contrastada fiabilidade para lograr a obtención de puntos en todas as carreiras. É importante apuntar a relevancia do reto xa que Édgar contará cun vehículo de máis de 25 anos, o cal, sempre afecta dunha maneira importante á fiabilidade en competición e de aí, a selección dun vehículo destas características.

 

Neste inicio de tempada, Édgar non poderá contar coa súa habitual copiloto, Fátima Ameneiro, xa que ambos esperan unha filla para principios de maio. Aínda así, a súa paixón polas carreiras, lévalles a buscar novos obxectivos onde demostrar a súa competitividade aínda que sexa por separado neste inicio de tempada, contando coa reincorporación de Fátima a metade de tempada.

 

Édgar Vigo: "Non contar con Fátima é un verdadeiro hándicap para min xa que en toda a miña carreira só corrín unha proba con outro copiloto, o meu irmán, alá polo 2006. Debido a iso, quixemos buscar un proxecto ambicioso pero menos custoso que nos sirva para en 2018 ter un programa aínda mellor e poder competir xuntos toda a tempada. O proxecto Golf roldou a nosa cabeza durante un longo período de tempo pero non foi ata esta última semana que se puido materializar tras localizar o vehículo e equipo máis apropiados. Esperamos facer un bo papel en Lorca e que nos sirva para comezar a tempada cun bo número de puntos para o campionato".

 

O equipo aínda non ten pechado o copiloto que acompañará a Édgar e ademais, moi probablemente, o equipo acabe participando na nova Copa Sidel/Tyre Motorsport que este ano se celebrará no CERT, sendo a vitoria na mesma outro dos obxectivos dunha campaña que se presenta prometedora.