Mabel Rivera interpreta a María Callas en Master Class

Programa: 
Músicas e Letras

Master Class é unha especie de mestura entre musical lírico e biografía dos últimos anos da Callas. Baseado nun texto de Terrence McNally,o espectáculo toma como pretexto as famosas master classes que daba María Callas na academia neoiorquina Juilliard ao final da súa vida artística, e consegue transformar esta situación nunha tensión entre a vida privada e a artística da famosa cantante.

No reparto, baixo a dirección de Xosé M. Rabón, figuran xunto a Mabel Rivera, Lino Braxe, María Torres, Julia Cea, Enrique Martínez e Celso Parada.

A actriz ferrolana, que se fixo archifamosa no papel de Balbina en Pratos Combinados, asegura que non bota de menos para nada esa etapa, pero recoñece que lle outorgou "unha estabilidade laboral que é moi difícil conseguir no sector". "Balbina era unha muller encantadora", dí Mabel, "pero eu non"; "era encantadora porque non era real".

Mabel Rivera, trala súa etapa de dez anos na serie que emitía a TVG, acadou o papel de irmá de Ramón Sampedro en Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, polo que foi premiada cun Goya á mellor actriz de reparto. "Un Goya é o recoñecemento a un traballo xa feito, e o importante e mirar para adiante e seguir traballando", afirma.

Master Class estréase o vindeiro xoves 15 de abril, ás oito e media da tarde, no Teatro Jofre de Ferrol, onde permanecerá ata o sábado. Despois, comezará a xirar por diferentes teatros de Galicia.