Marta González, secretaria de Igualdade: “A lei da violencia de xénero desenvolverase ao seu debido tempo”

Programa: 
Onda Rural

No que respecta ao castigo para o maltratador, Marta González advirte que a xudicatura non é partidaria dun agravamento das penas. Con todo, adiantou en Radiofusiòn que antes de que remate o ano concluirá unha análise en base á que a Xunta decidirá “se é oportuno instar ao Goberno central a que os agresores cumpran integramente as condenas”.

A secretaria xeral de Igualdade pensa que é necesario traballar na mellora da lexislación que debe protexer ás mulleres e asegura que o desenvolvemento da Lei Galega da Violencia de Xénero “farase ao seu debido tempo”, acusando a PSOE e BNG de non telo feito malia que existía un consenso ao respecto dende agosto de 2007. Marta González salienta o protocolo existente co Goberno do Estado para protexer ás vítimas da trata de mulleres e conseguir que colaboren na desarticulación das mafias que as explotan.

En relación aos equipamentos dos que dispón a Xunta para atender ás agredidas ou ameazadas, discrepa do informe presentado esta semana por Comisións Obreiras, xa que os seus datos non coinciden cos oficiais. Para González, a rede de casas de acollida é suficiente, tendo ademais en conta que a función destes centros tense que reorientar por unha modificación da lei. Verbo dos xulgados específicos para violencia de xénero, apoia que haxa máis se o número de expedientes así o require.