Nace SonRadiofusión, unha asociación na defensa das emisoras municipais de radio en Galicia

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

SonRadiofusión busca asociar o maior número posible de persoas que queiran axudar a manter e medrar o proxecto comunicativo das emisoras municipais galegas, algunhas das cales teñen máis de 25 anos de historia. Para isto, afirman que “queremos construir unha axenda informativa galega, porque Galicia tamén ten dereito a ter presenza informativa neste mundo globalizado”. Así mesmo, apostan “descaradamente” pola promoción da lingua e da cultura galegas e defenden o pluralismo político e social. Tal e como se afirma no folleto de presentación: “todas as opcións deben ter posibilidades de expresión e comunicación”.

O marco do Festigal, en Santiago de Compostela, é o escenario escollido para a presentación oficial desta asociación. Será este domingo 24 de xullo ás 13 horas na Galería central das letras e ideas, e participarán varios directores de emisoras municipais: Emilio Forxán de Radio Negreira, Nazaret López de Ames Radio e Henrique Sanfiz de Radio Fene e secretario das Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).

O acto estará presidido polo profesor de radio da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Pousa, quen tamén vai presidir o Consello Asesor de SonRadiofusión. Xunto a el, outras persoas destacadas da música e cultura galegas, como o gaiteiro Daniel Bellón ou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón, conformarán este órgano.