No tempo de lecer, unha visita guiada á Illa de San Simón

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

As saídas dos barcos efectuaranse dende os portos de Cesantes-Redondela ou San Adrián de Cobres (Vilaboa), en función das posibilidades da marea. Toda a información sobre as quendas de visita, os horarios e portos de saída estarán dispoñibles a través da páxina web da Fundación.

A través deste programa gratuíto, as persoas interesadas poderán participar en percorridos guiados polo recinto, realizar visitas autoguiadas e visitar se o desexan o Centro de Interpretación das illas e o resto das exposicións existentes. As visitas guiadas, de aproximadamente unha hora de duración, abordan a historia da illa, a función do conxunto e das edificacións en cada período e os valores culturais e naturais presentes nestas illas e na enseada de San Simón.

Durante o mes de setembro, ademais de realizarse visitas guiadas á San Simón, efectuaranse percorridos marítimos pola enseada, co obxecto de divulgar os valores naturais deste espazo protexido e dar a coñecer os recursos e o patrimonio deste importante espazo mariño e costeiro.

A Fundación continuará coa súa actividade durante os meses de outubro e novembro, principalmente a través dun programa educativo dirixido a uns 2.000 escolares de centros de ensino de etapa ESO, que dará continuidade aos programas realizados xa con grande éxito durante o pasado ano.