A novela gráfica “O burato do inferno” recupera a historia dos raqueiros

Programa: 
Músicas e Letras

O burato do inferno conta a historia de Xosé, que un día recibiu a chamada de don Elías, o párroco, para que o acompañase visitar o pai do mozo, que regresara moi enfermo de A Habana. Aínda que Xosé desprezaba o moribundo, non podía negarse a aquela petición. O seu pai, Benito o Lindo, era un home endurecido pola miseria e a fame, que abandonara a súa muller cando quedou embarazada.

Durante un tempo foi raqueiro e contrabandista na fronteira con Portugal; despois desapareceu. Xosé non tivo noticias súas ata que comezou a enviarlle cartos para a súa manutención. Trala morte da súa muller, Benito fíxose cargo dos gastos do seu fillo ata que este puido valerse por si mesmo. Xosé é pois o protagonista desta historia, segundo explicou en Radiofusión o propio Ramón Trigo.

Xosé Manuel encargouse do guión da que é a súa primeira obra, aínda que xa ten colaborado na realización de textos para proxectos audiovisuais. De feito, nun comezo, a historia formaba parte dun guión cinematográfico. Seu irmán, Ramón Trigo, encargouse das ilustracións, traballo ao que se dedica profesionalmente. Optou por un debuxo a lapis e carbón, con moitos trazos e sombras, co obxectivo de transmitir unha atmosfera tétrica e deixar entrever o deterioro económico e social desta zona da costa galega a medios dos século XIX.

O burato do inferno xa está nas librarías editado por Faktoría K ao prezo de 16 euros, cunha edición en galego e outra en castelán.