O Códice Calixtino xa ten versión en galego

Programa: 
Músicas e Letras

“No Códice atópanse descritas as poboacións polas que discorría o Camiño Xacobeo, a nosa terra, as orixes históricas, espirituais, culturais do noso país e a cidade de Santiago. Do texto, en fin, xorde a idea dunha Galicia orgullosa da súa simbólica centralidade, dunha Galicia fondada nun europeísmo aberto, tolerante e enriquecedor”, asegurou durante a presentación o titular da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Ignacio Santos gabou o “gran traballo” levado a cabo por Xosé López Díaz á hora de traducir o texto latino, así como as “valiosas contribucións” de Manuel Celso Matalobos. Do mesmo xeito, resaltou a importancia da contribución de Francisco Leiro a esta edición galega do Códice, afirmando que “entre o rico panorama da arte contemporánea galega, o seu inconfundible estilo expresionista era o idóneo para repensar e recrear o universo icónico do Códice orixinal”.

O Codex Calixtinus é o título que se lle dá ao manuscrito máis antigo, o da Catedral de Santiago, por aparecer nel o papa Calixto II, gran benfeitor do santuario de Compostela, como autor e promotor. Está dividido en cinco libros e una serie de apéndices de extensión e contidos moi diferentes sempre dedicados á exaltación do universo xacobeo.

Existen transcricións manuscritas máis ou menos fieis e de extensión variable do texto compostelán (o presentado hoxe) espalladas por Europa desde o mesmo século XII, conservadas en lugares como Barcelona (procedente de Ripoll), Madrid, Salamanca, Lisboa, Londres, Pistoia (Italia) e O Vaticano. O interese científico internacional polo Liber Sancti Iacobi nace no século XIX cos estudos, os primeiros aparecen na década dos sesenta, e ata día de hoxe, foron moitos os estudosos que se interesaron por esta obra e a súa tradución.