O escritor Manuel Rivas, titor do Premio Biblos- Pazos de Galicia

Programa: 
Músicas e Letras

O 16 de marzo pecha o prazo de recepción de proxectos de novela para este premio reservado aos menores de 25 anos, e será en xuño cando se coñeza o gañador/a que coa colaboración de Rivas terá a oportunidade de mellorar o seu orixinal. O autor, ademais, disporá de todo o mes de outubro para, se o desexa, permanecer aloxado con todos os gastos pagados na Casa Grande do Bachao de Pazos de Galicia e rematar o texto nun ambiente de tranquilidade.

Nado na Coruña en 1957, Rivas estudou Ciencias da Información en Madrid, foi subdirector do Diario Galicia, dirixe Luzes de Galicia e as súas colaboracións teñen sido publicadas polos principais xornais galegos e españois, mantendo na actualidade unha colaboración regular con El País onde amosa a súa sensibilidade especialmente en temas sociais e ecolóxicos.

Desde o seu compromiso irrenunciable co noso país e co idioma galego, Rivas soubo darlle á súa escritura a agudeza da orixinalidade na mirada, a beleza poética e unha tenrura que foron quen de facerlle un sitio do panorama da literatura mundial.

Recoñecido por premios como o da Crítica en Galicia e Española e o Premio Nacional de Narrativa, ademais do Torrente Ballester ou o San Clemente, José Luís Cuerda dirixiu a adaptación ao cine de textos de ¿Qué me queres amor? en A lingua das bolboretas e Antón Reixa fixo o propio con O lápis do carpinteiro.

 

 BIBLIOGRAFÍA

A súa obra, escrita orixinalmente en lingua galega, está traducida a quince linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como poeta publicou: ``Libro do Entroido´´ (1979); ``Anisia e outras sombras´´ (1981), en colaboración con Xavier Seoane; ``Baladas nas praias do Oeste´´ (1985); ``Mohicania´´ (1987); ``Ningún cisne´´ (1989), Premio Leliadoura; ``Costa da morte blues´´ (Xerais 1994). Reuniu a súa obra poética en ``O pobo da noite´´ (Xerais 1996) e en ``Do descoñecido ao descoñecido´´ (Obra poética 1980-2003). Como narrador ten publicado: ``Todo ben´´ (Xerais 1985), novela curta; ``Un millón de vacas´´ (Xerais 1989), relatos, Premio da Crítica Española 1990; ``Os comedores de patacas´´ (Xerais 1991), novela; ``En salvaxe compaña´´ (Xerais 2004), novela, Premio da Crítica Galicia; ``¿Qué me queres amor?´´ (1996), relatos, Premio Torrente Ballester 1995 e Premio Nacional de Narrativa 1996; ``Bala perdida´´ (1996), novela xuvenil; ``O lapis do carpinteiro´´ (Xerais 1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); ``Ela, maldita alma´´ (1999), relatos; ``A man dos paíños´´ (Xerais 2000), relatos; ``As chamadas perdidas´´ (Xerais 2002), relatos, ``Contos de nadal´´ (Xerais 2003), relatos e ``Os libros arden mal´´ (Xerais 2006), novela. A súa obra xornalística está recollida nos volumes ``Galicia, el bonsai atlántico´´ (1989); ``No mellor país do mundo´´ (1991); ``Toxos e flores´´ (Xerais 1992); ``Galicia. Galicia´´ (Xerais 1999), ``Muller no baño´´ (Xerais 2002) e ``Unha espía no reino de Galicia´´ (Xerais 2004). ``Os Grouchos´´ (Xerais 2008), ``O heroe´´ (Xerais 2005) é a súa primeira peza dramática. ''O sombreiro Chichiriteiro'' (Xerais 2009) é a súa primeira obra de literatura infantil.