O melancólico encontro de Víctor Aneiros e Ramiro Fonte

Programa: 
Músicas e Letras

Brétemas da memoria é un disco no que o blues é o fío condutor, pero no que Víctor Aneiros amosa tamén gusto polo rock, o pop e mesmo o jazz. A guitarra ten menos presenza do que é habitual nos traballos do ferrolán, segundo o músico só sae nos momentos precisos e achega enerxía á melancolía dos textos. Un disco que o músico cualifica de máis accesible que os anteriores e que, polo tanto, agarda que guste a un maior número de público.

Eduardo Galán, escritor que acompañará a Aneiros na presentación do Arteria Noroeste e coñecedor da obra de Ramiro Fonte, asegura que Brétemas da memoria está cheo de pezas que rozan a perfección, pero sobre todo destaca tres obras mestras: “Autor de westerns”, na que o cineasta preferido de Fonte, John Ford, é o protagonista; “Vida bohemia” e “Un tute á morte”.

O álbum foi gravado no concello coruñés de Neda e contou co bo facer da banda que acompaña a Aneiros: Manuel Gutiérrez no piano, Marcos Yáñez na batería e Víctor Gacio no baixo. Non obstante, houbo un bo número de colaboracións como a do guitarrista Javier Vargas, Mauri Sanchis e o seu órgano hammond, Roberto Somoza co saxo tenor e soprano, o trompetista José Somoza, Fernado Froján co seu trombón e Javier Díaz co acordeón.

A Víctor Aneiros Band prepárase para presentación ao vivo de Brétemas da memoria. Xa ten datas confirmadas. Nos vindeiros meses pasará por Portugal e Madrid e xa en outubro actuará en Ourense e en novembro no Festival OutJazz de Ferrol.