Oportunidades para iniciarse no mergullo

Programa: 
A Bancada

O vindeiro luns, 29 de maio, abre o prazo para inscribirse nos bautismos de mergullo que organiza a concellería de Deportes de Fene, coa colaboración do Club de Actividades Subacuáticas Nautilus. As persoas que queiran anotarse poderán facelo no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) en horario, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e os mércores tamén en horario de tarde, de 16.30 a 19.00 horas.
No marco da súa oferta de actividades deportivas para a primavera-verán de 2017, o Concello de Fene programa de novo para este ano unhas xornadas de bautismo de mergullo adaptado (sábados 10 e 17 de xuño) xunto cos tradicionais bautismo de mergullo infantil (sábado 24 de xuño) e para maiores de 16 anos (sábado 24 e domingo 25 de xuño).
Os “bautismos de mergullo” plantéxanse como unhas xornadas de achegamento inicial ao deporte do mergullo. Baixo a supervisión de monitores/as do CAS Nautilus , nestas actividades os/as participantes poden experimentar a sensación de estar debaixo de auga de xeito divertido e seguro e cun equipo de mergullo autónomo.

Ademais, os bautismos de mergullo están deseñados para estimular a curiosidade dos/as participantes, familiarizándoos primeiro co equipo empregado nas actividades subacuáticas. Tamén traballan o tema da respiración (relaxación), qué facer para contrarrestar a presión (maniobra de Valsalva) e as normas básicas de seguridade (sinais submariñas).

Os Bautismos de Mergullo adaptado terán lugar na piscina municipal de Centieiras os sábados 10 e 17 de xuño (as persoas que se inscriban terán que asistir os dous días), en horario de 17:00 a 18:30 horas. Neles, cada un dos asistentes estará guiado en todo momento por mergulladores certificados e con adestramento específico para mergullarse con persoas con calquera tipo de discapacidade ou necesidades especiais.