Os galegos gastamos un 8% menos en bens culturais

Programa: 
Músicas e Letras

Galicia sitúase nunha posición algo superior á media nesta contracción que afecta practicamente á totalidade do Estado, no que o consumo cultural descende un 8,1%. De feito, o gasto absoluto caeu en maior medida en Baleares, Asturias, Aragón, Cantabria, a Comunidade Valenciana, Andalucía, Canarias e País Vasco, por esta orde.  Por grupos e subgrupos de gasto definidos o único que aumenta é o denominado “Tratamento da información e Internet” e os que máis baixan son o Soporte para o rexistro de imaxe, son e datos e as Publicacións periódicas, probablemente un en relación con outro, dada a tendencia crecente ao consumo en liña de produtos culturais.

O libro e os espectáculos móvense nunha tendencia similar, o cal debería ser máis preocupante para as actividades económicas relacionadas co cine, o teatro e a música en vivo, entre outras, polo incremento do IVE en 2012. Como xa mencionamos en informes anteriores, a edición seguirá tributando no tipo superreducido (bens de primeira necesidade). Segundo os datos da Encuesta de Presupuestos Familiares do Instituto Nacional de Estatística isto contrasta cun lixeiro repunte do gasto total dos fogares na comunidade autónoma (0,8% en 2011) e o estancamento do consumo no conxunto de España en termos correntes (en termos constantes o crecemento é negativo). 

Con todo, os bens e servizos culturais non son dos subgrupos de gasto que se ven máis reducidos, xa que os galegos e galegas recortaron principalmente en educación, menaxe para a casa, cartos para o peto dos menores residentes no fogar e vehículos. En contraste, o gasto dos fogares aumentou moito en alugueiros, tabaco e vacacións.