Os internautas elixirán os grupos folk noveis que abrirán o Festival de Ortigueira

Programa: 
Músicas e Letras

As bandas que desexen participar poden facelo antes do 10 de xuño. Será a data límite para que as formacións envíen en MP3 á organización (runas@festivaldeortigueira.com), os seus tres mellores temas dos que, cando menos un, será de produción propia. Xunto a estes cortes, deberán incluír un breve dossier informativo.

Música instrumental, música cantada... o único que se require é que sexa folk. Os grupos, cun máximo de dez integrantes e - como novidade- de calquera procedencia xeográfica, deberán contar cun repertorio mínimo dunha hora de duración.

Un comité técnico, nomeado polo Concello de Ortigueira, organizador do Festival co apoio do Xacobeo, Estrella Galicia e Deputación, entre outras entidades, realizará unha primeira selección de dez grupos.

A segunda fase correrá en exclusiva a cargo dos internautas que visiten a web oficial. Eles e elas elixirán cos votos que emitan do 15 ao 30 de xuño, de entre estas dez candidaturas, as tres formacións que actuarán na xornada inaugural da próxima edición do Mundo Celta, o vindeiro 9 de xullo. Cada un dos grupos recibirá 1.000 euros.

Finalmente, un xurado, presente entre o público, decidirá tralos concertos a banda gañadora que volverá ao Escenario Estrella Galicia no 2010 e se embolsará 3.500 euros.

O Proxecto Runas, durante anos eixe central da oferta musical de tarde do festival, trasladarase nesta edición ao Escenario Estrella Galicia. A organización pretende este ano, como medida de austeridade, concentrar a súa oferta de concertos no palco da Alameda. A decisión, xa testada hai un par de anos, suporá a reserva da noite de inaugural aos noveis. O Runas serviu na súa primeira década de vida para dar un pulo a bandas como La Bruja gata, Rare folk, Bellón & Maceiras ou SOG, que estará este ano en Ortigueira como gañadora da pasada edición.