Os Sprinters, The Beatles galegos

Programa: 
Músicas e Letras

Los Sprinters axiña comezan a percorrer os escenarios de toda Ferrolterra interpretando versións de The Shadows, The Ventures, The Tornados e ,como non, dos cinco de Liverpool. En 1966 fichan por Fontana, selo filial de Philips, co que editarían toda a súa discografía, cinco Eps e dous singles. O primeiro dos curta duración foi El Tablao, no que incluíron “Mi gran amor le di”, unha revisión do “And I love her” dos Beatles.

Este primeiro Ep dos Sprinters recolle ademais desta versión, a adaptación de “We can work it out” tamén dos Beatles; “En una flor”, composición yeyé popularizada por Wilma Goich e Les Surfs e un tema propio que daba nome ao Ep, “El Tablao”. O disco tivo relativo éxito, entra nas listas de vendas discográficas estatais e a banda acada gran repercusión mediática, actuando en directo no programa de TVE “Musical 14:05”.

O segundo Ep dos Sprinters non tardaría en chegar e ese mesmo ano, 1966, Fontana edítalles La Muñeca que hace no, no que se inclúen catro novas versións. Unha delas é este “¡Píntalo negro!”, adaptación ao son Sprinters do “Paint it, black” dos Rolling Stones que recorda á que antes fixeran Los Salvajes. Outra das adaptacións é a que dá nome ao traballo, composición do francés Michel Polnareff. Inclúen tamén a instrumental “Begin the beguine” de Cole Porter e “El ritmo del silencio”, a adaptación ao castelán do “The sounds of silence” de Simon & Garkunfel.

Un ano despois da súa estrea discográfica, en 1967, Fontana saca a rúa tres novos Eps de Los Sprinter, o primeiro deles Explicación. Neste terceiro curta duración entrégannos tres novas versións: “Un, dos, tres” de Len Barry, o clásico instrumental “Serenata de Schubert” de Franz Schubertz e a castelanización do “Somebody help me” de The Spenser Davis Group, rebautizada como “¡Qué alguien me ayude!”. A elas úneselle a composición propia que dá nome ao Ep.

Neste prolífico 67 chega á rúa tamén o seu cuarto curta duración, Señor profesor, no que inclúen catro novos temas: a revisión do “To Sir, with love” de Lulu que dá nome ao traballo, a instrumental “Extraño en el Paraíso” de Tont Benet, “Jardín sin fin” (“Green street green” de The New Vaudeville) e o tema propio “Aquella balada”.

O terceiro traballo que Los Sprinters editan no 67 é Espera, que quiero hablarte, que leva o nome da cuarta composición propia dos ferroláns. Completaban o traballo as instrumentais “Sweet pea” de Tommy Roe e Manfred Mann e o clásico de Franz Schubert “Momento musical”; ademais da balada “24 sycamore” de Wayne Fontana.
No 1968 chegan as as últimas gravacións de Los Sprinter, son dous singles, o primeiro deles ten como cara B “La habitación Blanca”, versión de Cream e na cara A “Que tiempo tan feliz”, adaptación do “Those were the days” de The Limeliters.

O segundo e último single de Los Sprinters contén dúas novas versións: “Rain and tears” de Aphrodite’s Child, e a coñecida “Yummy, yummy, yummy” de Ohio Express.

Un ano despois Los Sprinters deixan a súa carreira en solitario para unirse ao tamén ferrolán Andrés Dobarro co que participan na gravación dos seus discos e na película En la Red de mi Canción. Xunto a Andrés, ata o ano 72 trasládanse a Madrid onde acadan o éxito definitivo.