A palabra e a lectura convértense en protagonistas da Praza dos Libros de Carballo

Programa: 
Músicas e Letras

A cita contará coa participación de nove stands: un do Concello de Carballo, un espazo infantil e sete librarías. Durante os catro días, todos os libros terán un desconto do 10% sobre o seu prezo habitual. Ademais, todas as persoas que merquen na feira participarán en sorteos diarios de lotes de libros.

A feira literaria de Carballo inaugurábase ás dez e media da mañá e á unha da tarde a poetisa e presentadora de televisión, Yolanda Castaño, encargase da lectura do pregón. Xa pola tarde protagonizará tamén unha sesión de Contacontos en verso para nenos. Ás oito e media será a quenda de Teresa Moure que presentará a súa última novela A intervención.

O venres Raquel Queizás traeralle aos nenos e ás nenas os seus Contos pícaros e monicreques Seisdedos representarán O galo Quirico e os seus amigos. Ademais, diversos autores da zona asinarán exemplares dos seus últimos libros. Neste acto participarán Rosalía Fernández, Mon Lendoiro, Alberto Varela Ferreiro e Xosé Antonio Pet Posse. O carballés Xurxo Borrazás, un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega, presentará a súa última obra, Covalladas. Prosa vertical ás oito e media da tarde. Para rematar a xornada do venres, ás dez e media da noite haberá un festival de música e baile tradicional, con grupos de Carballo e de Uruguai.

O programa do sábado 28 estará totalmente centrado na regueifa, na tradición lúdica e na lingua. Deste xeito, haberá un obradoiro de regueifas para nenos da man de Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional encherá a Praza con xogos populares para todos, como a mariola, a corda, ou o pano. Ás sete da tarde presentarase o libro sobre O regueifeiro Celestino Álvarez Castro, Celestrino, de Xosé Manuel Varela; neste acto, ademais do autor e de Fernando Álvarez, participarán os regueifeiros bergantiñáns Suso de Xornes e Fermín da Feira Nova que, a partir das 19.30 horas farán un desafío regueifeiro con Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas, regueifeiros do sur do país. Así mesmo, a partir das oito e media da tarde desenvolverase o acto “A lingua que queremos”, unha presentación conxunta de libros sobre o proceso de normalización lingüística. E, para rematar a intensa xornada do sábado, haberá un concerto no que se mesturan as tres temáticas do día: regueifa, lingua e tradición lúdica. A partir das dez e media o grupo Os Carunchos subirá ao escenario para converter a praza nunha festa chea de ritmos bailables e cancións retranqueiras.

O último día da Praza dos Libros, o domingo 29 terá lugar tamén un intenso e animado programa. Durante toda a mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo. Ademais, durante todo o día unha orixinal ciclobiblioteca animará a feira. Haberá un contacontos para nenos e o recoñecido monologuista carballés Rober Bodegas asinará exemplares do seu libro Novedades, souvenirs, artículos de coña. Xa pola tarde, ás seis, presentarase o libro Galiza en Suíza, 50 anos de presenza galega en Suíza. Para pechar a xornada, Cristian Magic achegará os seus trucos de maxia en Palabras máxicas. A Praza dos Libros pechará as súas portas ás nove e media da noite.