As patronais do ensino felicitan á Xunta por renovar concertos a centros que segregan alumnos por xénero

Programa: 
Músicas e Letras

"Apoiamos e alegrámonos da decisión da Xunta de Galicia xa que a citada medida responde á legalidade, axústase a dereito, e así gaña a liberdade de ensino" afirmou o presidente de CECE- Galicia, José Manuel Alvarez. USO-Galicia tamén aplaudeu a decisión destacando que a decisión da Administración garante a estabilidade laboral do profesorado e persoal non docente.


O orzamento para os concertos distribuirase da seguinte forma: 90,1 millóns no 2009, 259,1 millóns en cada un dos tres anos seguintes (2010, 2011 e 2012) e 167,1 millóns no 2013. Con estas cantidades cóbrese o salario dos docentes ademais dunha cantidade para gastos (luz, calefacción, material de oficina e persoal de administración e servizos) afirma a propia Xunta nun comunicado de prensa emitido despois do Consello desta mañá.

Nos convenios agora inclúense os cinco colexios que carecen de aulas mixtas. O bipartito decidiu non conceder o concerto con estes centros educativos ao considerar que infrinxían a Lei Orgánica de Educación (LOE), algo que os colexios negan.

Os cinco centros afectados están situados na Coruña (Montespiño e Peñarredonda) e en Vigo (Montecastelo, Las Acacias e Aloya) e defenden unha educación que segrega alumnos por xénero. Esta razón levou ao anterior Executivo a non renovarlles o concerto educativo, unha decisión que se fixo oficial a mediados de abril, cando o bipartito xa estaba en funcións.

En concreto, foi a Consellaría de Educación -dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón- a que notificou aos cinco centros afectados que deixarían de ser financiados con fondos públicos. Dous deles (Montecastelo e Peñarredonda) só admiten nenos, mentres que os outros tres (Montespiño, Las Acacias e Aloya) son exclusivamente femininos.