Pedro Miguel Rocha, o escritor portugués de “alma galega”

Programa: 
Sonsdenós

“A historia cometeu un grande erro ao separarnos, somos moi parecidos”, afirma o escritor cando se lle pregunta pola relación entre Galicia e Portugal. Aprecia nos últimos anos importantes pasos de aproximación entre os dous países, pero coida que aínda non son os suficientes. El, a nivel persoal, si tende pontes entre as dúas beiras do Miño: visita Galicia con frecuencia, declárase apaixonado da nosa cultura e estudou galego na Universidade do Minho.

Pedro Miguel Pereira da Rocha naceu en Vouzela en 1973, é licenciado en Ensino de Portugués e Inglés e reside no Miño. Publicou en 2009 Juntos Temos Poder, en 2010 Chegámos a Fisterra e Já Não se Fazem Homens como Antigamente e, en 2011, O Eremita Galego, novela pola que acaba de recibir o Maria Ondina Braga. Ese galardón, que outorga o Concello de Braga, ten como obxectivo “honrar a memoria desta insigne escritora, nacida e falecida na cidade, e cuxa obra representa un patrimonio da máis elevada importancia para a cultura portuguesa e un gran motivo de orgullo para todos os bracarenses”.