A praza do Obradoiro acolle o primeiro concerto sinfónico de Carlos Núñez en Galicia

Programa: 
Músicas e Letras

O gaiteiro galego volve a reunirse cos Chieftians de Paddy Moloney, considerado o grupo máis importante da historia da música celta, e xunto a eles rememorará algúns dos temas orquestrais do traballo conxunto Santiago, que acadou o único Grammy para a música galega no 1997 na categoría de Best World Music. Dende Irlanda tamén ven o director David Brophy, titular da Orquestra da Radio-Televisión Irlandesa, para poñer a súa batuta a esta velada musical na que tamén participará unha banda de gaiteiros novos de Galicia, formada ex profeso para este concerto por Carlos Núñez.

Desde a organización prometen que será un concerto “épico” no que Núñez repasará os éxitos musicais da súa carreira, interpretando temas de bandas sonoras como Mar Adentro, pezas clásicas inspiradas na música tradicional como a Muiñeira de Sarasate ou temas propios orquestrados especialmente para este concertopolo produtor norteamericano Craig Leon, como Amanecer.