Presentan pero non entregan o decreto do galego

Programa: 
Músicas e Letras

O goberno do PPdeG desoe ás protestas do Consello da Cultura, a Real Academia e a práctica totalidade de asociacións de pais, profesores e alumnos. A decisión dos pais será vinculante para decidir moitas materias, aínda que a Xunta garante sempre o "máximo equilibrio posíbel de galego e castelán".

O segundo borrador introduce algunhas mudanzas con respecto ao primeiro e fixa materias que se impartirán obrigatoriamente nunha ou noutra lingua. O idioma vehicular no ensino infantil será o maioritario entre os alumnos. En Primaria e Secundaria os pais terán certa marxe de decisión para facer cambios cada catro anos. 

 

No que respecta á etapa de educación infantil, o proxecto de decreto mantén que o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, se ben procurará que os nenos e nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. Serán as nais e os pais os que determinen a lingua predominante, de acordo coa opinión maioritaria expresada nunha consulta que se lles fará antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla. Polo tanto, prevese que nesta etapa o alumnado aprenda as dúas linguas oficiais de Galicia partindo da lingua predominante da aula.

 

No texto do Decreto a administración educativa fai unha proposta de equilibrio lingüístico, propoñendo a seguinte repartición das materias:

 
GALEGO
CASTELAN
Educación Primaria

- Coñecemento do Medio natural, social e cultural

- Matemáticas
ESO
- Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
- Ciencias da natureza
- Bioloxía e Xeoloxía
- Matemáticas
 
- Tecnoloxía
- Física e Química

Isto supón que, despois de escoitar as opinións das distintas entidades sociais e políticas, en educación primaria, proponse en galego a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, e en castelán a materia de Matemáticas. No que respecta a educación secundaria obrigatoria, proponse que o galego sexa a lingua vehicular das materias de Ciencias sociais, Xeografía e historia; Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía, mentres que Matemáticas; Tecnoloxías e Física e química se impartirán en castelán.

O centro educativo decidirá, cada catro anos, a lingua en que se impartirán o resto de materias de cada curso, garantindo en todos os casos que as materias en galego e en castelán se distribúan na mesma porcentaxe das horas semanais.

O principio de equilibrio cualitativo e cuantitativo entre as dúas linguas oficias de Galicia tamén está presente en bacharelato e mais en formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas. Cada centro educativo establecerá en bacharelato, cada catro anos, unha oferta equilibrada na mesma porcentaxe de materias comúns, de modalidade e de optativas en galego e en castelán, do mesmo xeito que fixará unha distribución equitativa nas dúas linguas oficiais de Galicia para as materias e módulos de formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas.