Projecto Trepia estrea en Cangas “... de Infinitum”

Programa: 
Músicas e Letras

“... de Infinitum” é un espectáculo dividido en dúas partes que representan os opostos que configuran a propia cosmovisión do grupo: son luz e escuro convivindo en ciclos alternos que se repiten... coma os “oitos” do baile da ribeirana, coma os ciclos estacionais, ou como o día e a noite.

O repertorio tradicional mestúrase xa non só con outros estilos e recursos, senón tamén consigo mesmo. A danza non acompaña á música senón que, como sempre fora, é parte da propia música. A escenografía visual non é ilustrativa, senón que contextualiza o espectáculo desde distintos prismas.

Todo isto converxe en “... de Infinitum”, para defender unha linguaxe de traballo baseada en recursos socioculturais actuais, só empregados con liberdade.

Projecto Trepia traballan a partir da deconstrución (non destrución) da música e da danza tradicional galega. Tratase da análise en profundidade dos ítems culturais da tradición galega para a súa posterior reciclaxe. Aplícase, por exemplo, un tratamento contemporáneo (o cal non é tan estraño se temos en conta que falamos da música tradicional viva recollida no século XXI).

Os recursos empregados son o sampleo de bases (feitos con tomas acústicas de instrumentos tradicionais ou ben con fragmentos de gravacións recollidas – inédito, por certo-), a utilización da zanfona electro-acústica como principal instrumento solista e voces e percusión en directo. A proposta de Projecto Trepia pasa tamén polo uso de audiovisuais nos seus concertos, polo cal a gravación e reedición de vídeos (xa sexan arquivos recollidos ou de nova creación) teñen un papel moi imporante.

Do mesmo xeito, e volvendo á raíz da música (que é empregada por e para o baile), faise indispensable a presenza da danza tradicional. No seu caso, a medias improvisada.