Reed e Anderson agasallan rock’n’words no Obradoiro

Programa: 
Músicas e Letras

Reed tocou sentado a guitarra saturada de distorsión e Anderson, de pé, beliscou o violín eléctrico. Entre eles dous, Calhoun puntuaba co órgano e peneiraba co computador os ecos das palabras dos cantantes, devolvéndoos con novas sonoridades artificiais. A partir dunha colosal “Mystic Child”, o matrimonio de dous mitos da vangarda de Nova York foi renovando clásicos do catálogo velvetiano e en solitario do autor de “Berlin” como “Pale blue eyes” ou “Romeo had Juliette”. Houbo dous intermedios nos que Laurie Anderson, monologuista do Clube da Comedia do Sorriso Quebrado, declamou textos. Foi antes de poñer o preludio do bis cun rítmico alegato contra as políticas de control da información e o hermetismo das administracións políticas, nomeadamente da que liderou Bush Junior nos Estados Unidos.

Para cando o último acorde de “I’ll be your mirror” esmoreceu á sombra nocturna da Catedral, xa na medianoite, a moitos dos presentes proíannos as gañas de ir contar a historia de cando vimos a Lou Reed explicarnos, directo dende Nova York ao corazón de Galicia, o que é ser arty. Pero tamén escoitabamos aínda aquela sentenza dun dos contos de Laurie Anderson: cada vez que contamos unha historia principiamos a esquecer esa historia.