Roberto Somoza inaugura este venres o Jazz Mariñas

Programa: 
Músicas e Letras

PROGRAMA:

Venres 5 de xuño Roberto Somoza Jazz Orquestra The Vanguard. A Fábrica. Oleiros. 20:30 h

The Vanguard é a cuarta gravación de Roberto Somoza como líder. Fiel aos cambios na súa discografía (tanto de formación, como de estilo), nesta ocasión reúne un octeto para render o seu particular tributo ao saxo alto e aos grandes mestres deste instrumento. Unha sección de cinco ventos e trío de ritmo dan forma a un proxecto que se presentará no festival Jazz Mariñas e que será unha boa oportunidade para comprobar os labores de Somoza como compositor e arranxista para pequena orquestra moderna de jazz.

Sábado 6 de xuño Lucía Martínez Cuarteto. Casa da Cultura Pintor Lloréns. Sada. 20:00 h

Desde os seus inicios na Universidade Popular de Vigo, a percusionista Lucía Martínez non escatimou esforzos na súa formación musical, seguindo un periplo que a levou ao Conservatorio Mayeusis, á Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, á Guidhall Scool of London, á ESMAE de Porto e, recentemente, a gozar dunha bolsa Erasmus no Institute Politecnic of Helsinki. Tamén curtiuse no ámbito do folk colaborando con artistas como Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní, e no ámbito da música clásica coa Orquestra Clásica de Vigo, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfonieta. A pesar da súa mocidade foi chamada por Nani García en 2007 para formar parte da Imaxina Jazz Orquestra. Actualmente forma parte do Projecto Miño do contrabaixista e compositor ferrolán Baldo Martínez e cursa un máster en jazz na Universidade das Artes (UdK) de Berlín.

A xestación do seu cuarteto ten lugar durante a súa estadía no ESMAE de Porto, ao que tamén pertencen o resto dos seus membros, formando así unha agrupación netamente galaico-portuguesa. O repertorio é orixinal da percusionista viguesa exceptuando a súa versión do tradicional Eu de Marín ausentéime-, con claras influencias da música tradicional e clásica española e do jazz intimista característico dos países nórdicos.

Á fronte do seu cuarteto gravou un primeiro cd baixo o título Soños e Delirios que lle valeu unha resposta moi positiva e unánime por parte da crítica especializada. Para o seu debut discográfico contou con colaboradores da altura do saxofonista Perico Sambeat e da cantante Maria Joao.

Sábado 13 de xuño Tres Azoteas. A Senra. Bergondo. 18:00 h

3Azoteas ten como única pretensión darlle cabida ás inquietudes musicais dos seus integrantes, tomando o jazz como punto de partida, pero desde unha perspectiva aberta, sen prexuízos nin imposicións estilísticas ou compositivas. O nome do grupo pode entenderse como unha alegoría: tres azoteas decoradas, organizadas e amobladas dunha forma diferente, pero integrantes do mesmo edificio e xa que logo ensambladas cuns parámetros arquitectónicos similares. O seu jazz bebe -no referente á súa estrutura, harmonía e intención- do rock e o jazz progresivos aínda que sen mostrar unha liña completamente homoxénea. O trío participou en importantes festivais: Imaxinasons 2008, XXXVI Certame Audiovisual Casino Liceo de Vilagarcía, Iberojazz 2009, Arteria Noroeste Jazz Festival e Pontevedra Campus Jazz 09. Actualmente atópase en proceso de produción do seu primeiro traballo discográfico.

Sábado 13 de xuño Marcelino Galán Zinco. Centro Cívico. Arteixo. 20:00 h

Logo de colaborar como sidemen en diferentes formacións de jazz e doutros estilos musicais e de rexistrar un excelente primeiro traballo ao seu nome (Roho) en 2003, o guitarrista coruñés Marcelino Galán presenta Zinco. No seu novo quinteto, e na gravación do disco homónimo, danse cita algúns dos máis renombrados músicos de jazz novos da escena galega, tamén implicados en proxectos sólidos como Sumrrá, S.O.S Trio ou Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Venres 19 de xuño Alberto Conde Trío. Centro Social O Graxal. Cambre. 20:30 h

Formado inicialmente no Conservatorio de Ourense -onde se graduou en guitarra clásica-, no Taller de Músicos de Barcelona e no San Diego School of Performing Music, a partir de 1985 Alberto Conde dedícase ao estudo do piano de forma autodidacta. O teclado seduciulle ata o punto de dedicarlle a partir de entón a súa carreira profesional, aínda que non abandonou as súas outros fortes: a dirección e os arranxos orquestrais, disciplinas nas que se curtiu, entre outras experiencias, dirixindo á orquestra coruñesa Os Satélites dende 1986 a 1990. En 2002 estreou en Viana do Castelo o seu concerto sinfónico para guitarra e orquestra Sons de Bitácora, e máis tarde fixo o propio cos seus arranxos orquestrais para o seu traballo discográfico Entremares, coa participación da Big Band da Deputación de Ourense. Na encrucillada que afronta o jazz en España, situado entre os patróns do jazz clásico afroamericano e os novos camiños abertos pola tradición jazzística europea, Alberto Conde optou por inventar a súa propia liña. A súa idea é a de recoller a música popular e folclórica galega e facela interaccionar co swing afroamericano. Pezas sobradamente coñecidas polo público como A Rianxeira ou Negra Sombra soan diferentes baixo o seu prisma e interpretadas co formato de trío clásico, aínda que este incorpora elementos que aventuran un resultado diferente ao que cabería esperarse: Baldo Martínez achega a súa experiencia en terreos máis vangardistas e Khalsa ocúpase de darlle ao repertorio un sabor étnico coa percusión.

Sábado 20 de xuño Ángeles Dorrio Cuarteto. Campo da Feira. Carral. 18:00 h

O cuarteto de Ángeles Dorrio presentouse ao público durante a edición de 2009 do Festival Iberojazz. No seu camiño conxuga as súas propias creacións -que profundan tanto no soul como no jazz-con versións persoais de temas bandeira de estilos actuais como o nu-jazz ou o neo-soul.

Sábado 20 de xuño Mónica de Nut Trío. Aula Municipal de Cultura. Betanzos. 20:30 h

A música de Mónica de Nut Trio mestura a linguaxe do jazz co son e algunhas dinámicas da música clásica, sen por iso pechar as portas á experimentación e aos trazos que caracterizan a música de raíz galega. No seu repertorio combina standards da tradición jazzística con temas propios e algúns clásicos da bossa nova. No seu horizonte inmediato atópase a gravación do seu primeiro traballo discográfico.

Venres 26 de xuño Alfonso Morán Cuarteto. Xardín Botánico. Culleredo. 20:30 h

Afonso Morán Cuarteto propón un repertorio de composicións orixinais do contrabaixista Afonso Morán, un músico que acostuma colaborar noutros proxectos dentro de ámbitos como o jazz (foi o contrabaixista do trío e o cuarteto de Roberto Somoza entre outros), a música clásica ou o folk, pero que xa presentou nalgunha ocasión a súa propia proposta musical baixo a denominación Vizinhos de Morán.