Silvia Penide estrea “Las Erres Dobles” no Salón Teatro de Compostela

Programa: 
Músicas e Letras

Producido por Juan de Dios Martín (produtor de Deluxe ou Lovely Luna), o cuarto disco de estudio de Silvia Penide preséntase como “a recreación da imaxinación, madurez e determinación que só unha artista que mantén un continuo pulso coa sinceridade na súa composición musical podería ofrecer”.

En Las Erres Dobles a vocalista plasmou esa sutil combinación de sonoridades e ritmos que xa anticipara no seu anterior traballo, Desafinante Crónica (Falcatruada´07), e que aquí acadan a súa plena madurez, en palabras da artista. A linguaxe musical de Penide atravesa un camiño que vai desde a canción de autor ata a experimentación e a electrónica, pasando por estilos como o pop ou o folk americano.

Despois do concerto no Salón Teatro, Silvia Penide iniciará unha xira galega de presentación de Las Erres Dobles. Será en novembro e en decembro, para lanzarse a partir de xaneiro á aventura madrileña. Ademais, o vindeiro 6 de novembro presentará na Fnac de A Coruña o seu novo videoclip, o primeiro deste cuarto disco, o do tema “Dulce”.

Licenciada en Comunicación Audiovisual, esta artista compaxina o seu traballo dando clases de fotografía e imaxe audiovisual na Escola de Imaxe e Son da Coruña con proxectos persoais, como a recente videocreación para o disco Kosmogonías de Berrogüeto ou o recoñecido documental A casa de Lola de Andrés.