Unha reflexión sobre o universo feminino

Programa: 
Patio de butacas

A montaxe está escrita e dirixida por Lola Correa e conta coa interpretación das actrices Vanesa Sotelo e Marta Pérez. Á súa vez, o documental ten como director a Manu Paz e nel ponse de manifesto como é un proceso de creación dunha obra de teatro, dende os aspectos máis artísticos para resolver unha escena, ata as dificultades e traballos propios da produción.

 

Paper Dolls. O silencio das damas é un conxunto de material visual que recrea, nun presente ambiguo, as paisaxes da vida de dúas mulleres calquera para levar ao espectador a reflexionar sobre o que foi e o que é hoxe a situación da muller na sociedade. É tamén un exemplo máis da aposta de Inversa Teatro pola procura dunha linguaxe propia, obxectivo primordial desta compañía, fundada e dirixida por Marta Pérez en 2009, que fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos, como son a música e as artes escénicas, audiovisuais e gráficas.

 

Bonecas de papel

As Paper Dolls son as bonecas recortables daqueles anos 40-50 nos que as mulleres
eran só papel, que se vestían e xogaban coa fraxilidade absoluta. A partir desta imaxe
xorde esta proposta escénica, que afonda na dureza que envolve a superficialidade coa
que trata a sociedade o mundo feminino e o mundo da escena. Xuntando estes dous
paradoxos nos que as actrices e a directora escénica se viron envoltas –como mulleres
e como creadoras–, as tres artistas centraron como idea básica a súa visión do binomio
escena-muller.

 

A montaxe indaga sobre o que queda daquel rol nas mulleres do século XXI, sobre a
idea do papel como material, como concepto, como idea e tamén como actitude de
submisión. Temas como a liberdade de elección ante o aborto, a vida sexual ou a
elección do pracer son formulados en Paper Dolls dende a óptica do progreso do
individuo e da nova estrutura do ser feminino que está á altura do varón despois de
anos de reivindicación.

 

As entradas para asistir ás dúas funcións no Salón Teatro poranse á venda no despacho
de billetes do número 34 da Rúa Nova, aberto o venres e sábado a partir das 18.30
horas. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do
teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das
localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios
do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.