Vigo acolle a estrea do espectáculo multimedia “Mundo Lois”

Programa: 
Músicas e Letras

Lois Pereiro deixou un legado poético cunha linguaxe moi concreta, á vez moi visual, un universo de imaxes a través dos seus versos, a súa maneira de se enfrontar a medios, ilusións, ideas e paisaxes vitais que foi pouco a pouco percorrendo ata o momento da súa morte.

Unha linguaxe fresca e nova que os responsables de Mundo Lois queren transmitir ao público máis novo, aquel que non se achega de por si mesmo á poesía, pero que desexan que chegue a percibir un certo grado de paralelismo entre todas as ideas que Lois agachaba nas súas palabras e o mundo actual que, por momentos, tamén hoxe, nos engule día a día.

Co fío condutor da súa propia escrita, na voz dun actor, unha actriz e unha ambiciosa escenografía audiovisual que se apoiará nunha intensa e constante banda sonora, Mundo Lois pretende subministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística.

Mundo Lois estréase ás dez desta noite no Auditorio Municipal de Vigo. As entradas xa están á venda na web www.laboleteria.es ao prezo único de 7 euros.