A Xunta presenta os resultados da consulta do galego

Programa: 
Músicas e Letras

O 49 por cento das familias con fillos que cursan Primaria optan pola opción bilingüe. Un 37 por cento preferirían que as leccións se desen só en castelán e un 12 por cento quixera un ensino das materias troncais exclusivamente en galego. Nas idades de Secundaria, os datos son moi similares: case a metade dos titores, o 46 por cento, elixe que as troncais se repartan entre o galego e o castelán; prefiren escolarización das materias obrigatorias en lingua española o 34 por cento, e o monolingüismo galego é o predileto para un 20 por cento. Un 52 por cento prefiren tamén a escolarización bilingüe nos ciclos formativos, e as porcentaxes aínda son maiores en todos os ciclos se falamos do inglés. Como mínimo, tres de cada catro familias con fillos en idade académica non universitaria queren que se lles impartan asignaturas na lingua de Shakespeare. 
Quen tivo que dar a cara para presentar estes datos foi o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen salientou unha vez a participación de nais e pais na enquisa, que participaron na consulta nunha porcentaxe dun 60 por cento. Lorenzo conclúe que o conxunto das respostas das familias fan evidente que a sociedade galega se reafirma bilingüe, particularmente no ciclo de infantil. Curiosamente, o representante da Xunta colixe que o actual decreto do galego no ensino non se corresponde coa demanda bilingüe da sociedade e expresou que por iso derrogarase, ao tempo que se revisarán os modelos de normalización lingüística asumidos nos últimos 25 anos para que as dúas linguas convivan en réxime de igualdade. Anxo Lorenzo estima que o galego vai con retraso e confía en que o novo decreto para o ensino que se elaborará en base aos resultados deste enquérito -aínda que non aclarou con que ponderación- sitúe ao idioma do país no século XXI. Pediu autocrítica por parte da cidadanía para que valore máis o idioma de seu.
Na consulta, dirixida a un total de 330.000 alumnos de infantil, primaria, secundaria e formación profesional, participaron máis de 190.000 persoas.