Quen somos

Radiofusiòn é a programación común elaborada polas Emisoras Municipais Galegas desde unha perspectiva local, con vocación pluralista e comprometida con Galiza, que pode ser difundida polas emisoras asociadas a e por calquera entidade ou asociación galega na emigración que estea dentro da zona de cobertura do satélite Hispasat 1C Europa que serve o noso sinal.

Radiofusiòn espreme as posibilidades da radio, o medio máis áxil, inmediato e económico. A forza da palabra e da comunicación oral convérteno no máis próximo á xente. A radio contribúe como ningún outro medio á construción e fortalecemento da consciencia cívica da poboación, do seu espírito crítico e da condición de cidadanía. A radio tamén é o medio de comunicación que goza de maior credibilidade entre a poboación.

Radiofusiòn completa a súa preseza territorial cunha rede de correspondentes nas cidades galegas. Achegamos contidos temáticos abordándoos desde o punto de vista o interese local, e procuramos informacións interesantes e complementarias de ámbito comarcal e galego. Reflectimos a actualidade como é: plural, concedendo voz a todas as opcións políticas e a todos os axentes e grupos sociais. 

Radiofusiòn está pensada para todos os públicos e para todas as idades. Elaboramos espazos que prestan atención a temas como o cine, as novas tecnoloxías, a ecoloxía, a sexualidade, as viaxes, a moda, o deporte... Recollemos ofertas para o tempo de lecer nunha sociedade que cada vez presenta máis mobilidade. 

Radiofusiòn é un altofalante, unha canle para as mensaxes e reivindicacións de colectivos locais de diverso tipo: sociais, culturais, deportivos, sindicais, empresariais... Tamén pon o seu grao de area na procura da igualdade de xénero e da integración social de colectivos desfavorecidos, tamén da inmigración.

Radiofusiòn quer axudar a cubrir as demandas de amplos sectores da poboación en favor dunha maior pluralidade informativa e de contidos en clave galega. Tamén quer atender á demanda de 1 de cada 3 ouvintes diarios galegos de radio que consideran escasa a presenza do galego neste medio.