“Máis que un teito” prevención en drogodependencias dirixida ás familias.

Programa: 
Onda ODS

A Asociación Ferrolá de Drogo dependencias ASFEDRO xorde no ano 1985, co fin de dar resposta ao que se denominou a “epidemia da heroína”. A través do seu equipo técnico e do traballo das diferentes áreas, foron moitas as persoas e colectivos que recibiron atención e orientación.

ASFEDRO traballa dende varias áreas de intervención: asistencial, semirresidencial, residencial e dende a área de prevención. Orientar ás familias sobre os problemas de drogadicción é unha das grandes tarefas de ASFEDRO. O seu programa ‘Máis que un teito’ impártese en concellos como os de Fene, Neda, Valdoviño ou Mugardos. Trátase de prevención indicada ás familias. Olaia Salorio, xerente de ASFEDRO, insiste na importancia dos cursos de prevención onde se resolven moitísimas dúbidas. 

Con este programa búscase construír un espazo de reflexión e intercambio de experiencias entre as familias, onde abordar as habilidades e a comunicación familiar, para mellorar a competencia educativa no proceso de crecemento. Tócanse temas como as habilidades sociais para a convivencia familiar (autoestima, empatía…); desenvolvemento físico e hábitos saudables; a comunicación familiar e os estilos educativos; a negociación e resolución de conflitos, ou os riscos das novas tecnoloxías e información sobre drogas. Máis que un teito está dirixido a familias con menores de entre seis e dezaoito anos. A participación é gratuíta.

Ademais en Asfedro desenvólvense programas de tratamento integrais e adaptados ao perfil de cada persoa demandante de atención profesional por problemas derivados do consumo de drogas e os distintos tipos de adicións.

Estes programas asistenciais cumpren os principios de ser universais, confidenciais, voluntarios e gratuítos.