A noite da deusa de María López Sández

Programa: 
Club de lectura
Maite Martínez, Henrique Sanfiz, María López e Lupe Ces

Vestidos tecidos en antigos aquelarres, alfaias feitas con metais e pedras semidivinas foron pasando de xeración en xeración co máximo secretismo. Se os sete obxectos máxicos se xuntan no día do solsticio no espazo sagrado das antigas deusas, unha conxunción de forzas dará orixe a unha nova era en que por fin as mulleres camiñarán ao lado dos homes. Pero Andros, o vello feiticeiro, conspira para evitalo. Só cando os sete obxectos máxicos estean xuntos sobre a mesma muller poderán ser vulnerábeis á destrución.

Segundo comentou a autora, a orixe da idea foi repensar o xénero fantástico en clave feminista. Deulle a ler o libro aos seus fillos, os cales o denominaron como “o libro das bruxas” por esta presenza maioritaria de mulleres. Isto reafirmou a María na súa idea. En palabras da autora, moitos dos libros de ciencia ficción dos que ela desfruta como O Señor dos Aneis ou Harry Potter están protagonizados por homes e quixo cambiar o foco do personaxe heroico á muller. Pola outra banda, atopamos a Andros, o antagonista da novela que representa o patriarcado.

López fai que estas mulleres proveñan do inframundo porque considera que a loita feminista estivo tamén condeada á sombra durante moito tempo. Quixo incluir tamén outro personaxe que actúa en certos momentos como antagonista dentro da propia comunidade: Eleanor. Esta ten unha visión moito máis conservadora que Xia, unha rapaza nova que está disposta a arriscar máis na loita. A autora amosa deste xeito a tensión que existe dentro do propio movemento.

María López falaba sobre as posibilidades que ofrece a literatura xuvenil tamén para un público adulto, adquirindo unha dobre lectura. Ademais, mencionaba que nesta novela puxo moito coidado estilístico e no traballo da linguaxe.

Participaron no clube de lectura de Radio Fene: Lupe Ces, Maite Martínez e Henrique Sanfiz.