O éxito da sinceridade

Programa: 
Onda ODS

"A Lela" é unha froitería e dispensario de verduras variadas, todos eles produtos de proximidade e frescos. Tamén venden legumes con denominación de orixe e fariñas seleccionadas. Emilio Cortés é quen se pon detrás do mostrador para atender a unha clientela que quere produtos de calidade. “O éxito da Lela radica na sinceridade”, explica Emilio, propietario desta froitería que conseguiu gañar en pouco tempo o agarimo da veciñanza. Neste establecemento, apostan pola proximidade e pola calidade. “Nós non enganamos e se as patacas veñen de Cartaxena pois veñen de Cartaxena e se os tirabeques veñen de Narón pois veñen de Narón. O importante é que o produto sexa bo. O que si temos claro é que todo o que sexa de preto non o imos coller de Ferrol. Canta máis proximidade, mellor. Tamén tentamos evitar que as froitas veñan de cámaras”, afirma Emilio Cortés, quen cada día atende cun sorriso ás persoas que se achegan á Lela, onde tamén podemos atopar legumes nacionais, especias e pan de tres panaderías con forno de leña. 

O propietario desta froitería destaca a importancia de escoitar á clientela. “Saber o que lle gusta a cada persoa e escoitalas é algo que canto máis grande é o establecemento máis se perde”. A Lela conta, ademais, con servizo de entrega a domicilio pensado non só pola comodidade da clientela, senón tamén nas persoas que non teñen facilidade para desprazarse ata o establecemento.