Oito de cada dez familias de persoas falecidas din que si á doazón.

Programa: 
Onda ODS

Alcer Coruña é a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril. Naceu no ano 1976, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal e dos seus familiares.

Alcer está formado por un grupo de profesionais, colaboradores e voluntarios que comparten os principios da entidade, e que traballan para contribuír á consecución dos obxectivos da asociación. Rafael Rodríguez, o seu presidente, sinala que o nivel de doazóns en Galicia é cada vez maior, “oito de cada dez familias de persoas falecidas din que si á doazón”. A concienciación está a aumentar de maneira considerable. 

Grazas ao labor de difusión de ALCER, a doazón de órganos xa non é un tema tabú. Cada vez é máis frecuente que a persoa deixe manifestada a súa vontade de doar. Medra a cifra de persoas dispostas a doar, pero á primeira dificultade é atopar quen poida facelo xa que só unha de cada cen persoas que morren no hospital poden ser doadores de órganos.

Alcer segue a ofrecer cada día unha serie de servizos ás persoas con enfermidade renal e as súas familias, dando resposta ás demandas e necesidades que teñen as persoas que padecen algún tipo de patoloxía crónica.

Ademais, desenvolven actividades que teñen como obxectivo a sensibilización da sociedade en relación á doazón e o transplante de órganos, conseguindo deste xeito, ata día de hoxe, case 30.000 carnets de doantes.