Os incurábeis. Antonio Tizón

Programa: 
Club de lectura

“Os incurábeis” (Xerais.2020) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxía que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuizos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que den unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.

Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermedades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, cun acaido diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terápias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradable. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben, tende a deixar a medicación.

En “Os incurábeis”, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato. “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” indica o escritor. Corenta bares da Coruña aparecen na obra. Son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa metaliteratura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. "Hai que ter coidado en como se conta o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben” precisa.

O compoñente social é fundamental para o noso escritor. Normalmente a novela policial pasa do componente social, por iso el denomina a súa como “novela mulata”. “A min interésame coidar a trama policial, manter a intriga, pero tamén procuro retratar a sociedade e especialmente a corrupción e a impunidade”. En “Os incurábeis” está no fondo a Guerra do Golfo e o 11S. O inspector Sánchez é un home corrupto, ao servizo do poder, ao borde do alcoholismo do que se salva porque lle gusta o viño e comer ben. Hai unha canción de Alberto Cortez que o autor atopou de casualidade. Di así: "Todos os incurabeis teñen cura cinco segundos antes da morte”. Unha amiga vaina cantar o día que a novela se presente na Coruña. O primeiro intento frustrouno a Covid19.

(Fotografía de Xanxé Corral)