Ou galego castelhano ou galego portugués

Programa: 
O ofício de escrever
Carvalho Calero con Álvaro Cunqueiro

Para Ricardo Carvalho Calero o idioma era unha actitude moral, non un frío obxecto de estudo. “O idioma é a lingua dun pobo, a alma dunha cultura” escribiu. De todo o mundo é coñecida a súa defensa da reintegración do galego co mundo lingüístico portugués e brasileiro.

O lingüísta Martinho Montero Santalha expón as dúas razóns de Carvalho Calero que fundamentan a súa tese. A primeira ten que ver coa tradición científica da romanística, a lingüística que estuda as linguas romances. A segunda é a tradición galeguista que ven defender que o galego-portugués é unha única lingua. Murguía ou Castelao no Sempre en Galiza, falan da unidade lingüística. Don Ricardo defendía a recuperación da ortografía histórica, medieval. Dicía Carvalho Calero que a que se manexa agora é ortografía castellana e así nos separamos do portugués.

Cando se plantexaba escoller entre unha das diferencias dialectais do galego, o profesor defendía escoller a que máis nos une aos portugueses, explica Montero. “O galego, ou é galego-portugués ou é galego-castelán” afirmaba o profesor ferrolán". E engadía: “Ou somos unha forma do sistema occidental ou somos unha forma do sistema central. Non hai outra alternativa”. No fondo destes dous fundamentos, Carvalho Calero tiña en conta a nosa situación sociolingüística. “Dicía que o galego soporta unha presión constante do castelán e iso non é unha situación normal, que así non podiamos sobrevivir”, aclara Martinho Montero quen sentencia que, desde a morte de Ricardo Carvalho Calero, a perda de falantes é un fenómeno gravísimo e hai pouco compromiso coa defensa da lingua.