RUMBOIA 135: Cé Orquestra Pantasma – Do Meu (2013)

Programa: 
Rumboia

Baixo o nome de Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina aos oito anos dentro da música tradicional, e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da música popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou a banda de punk Oxtiax Ke Te Pariu. Desde comezos do verán de 2008,este músico leva percorrido toda a xeografía galega paseando polos mellores festivais e festas do país levando ás costas a súa proposta: Cé Orquestra Pantasma, un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga a perfección toda unha vida musical. Cé Orquestra Pantasma publica no ano 2013 o seu traballo discográfico “Do Meu”, 11 pezas de composición propia, ben na súa totalidade ou na parte melódica. Un traballo no que se acompañou dalgunhas voces afectivas para darlle mais colorido, viveza e sentimento a esta mostra sonora.