RUMBOIA 137 – Anxo Lorenzo – Tirán (2010)(

Programa: 
Rumboia

Anxo Lorenzo é un afamado gaiteiro orixinario de Moaña, que se inicia no mundo da gaita dende moi novo, formándose da man de prestixiosos gaiteiros e colaborando con numerosos grupos de música tradicional de Galicia cos que realiza traballos de investigación e recollida de música tradicional así como gravacións, concertos e xiras. Ten subido aos escenarios dos máis importantes festivais do mundo celta e recibiu ao longo da súa carreira numerosos galardóns do mundo da gaita.
No ano 2001 funda xunto a Pedro González. Spiritu 986, conseguindo unha perfecta fusión entre a tradición e a modernidade, unindo os sons mais ancestrais coas mais vangardistas producións musicais.
Na súa ampla experiencia como gaiteiro, colaborou tamén en numerosos proxectos musicais fusionando os sons tradicionais da gaita cunha gran variedade de estilos, convertendo desta maneira á gaita nun instrumento sen fronteiras.
O traballo discográfico protagonista desta Rumboia, leva por título o nome do seu pobo natal, Tirán, unha parroquia do municipio pontevedrés de Moaña. Foi gravado no ano 2010, e é un traballo moi variado no que Anxo amosa as distintas influencias que ten das músicas dos países celtas.
Seguindo a liña da súa anterior formación,Spiritu 986, de mestizaxe e fusión da música tradicional coa electrónica, a música hindú ou o pop, o certo é que Lorenzo manexa con mestría estilos diverxentes e ofrece un son apegado á tradición mais con pegadas que sorprenden á hora de escoitalo.